Wednesday 08 de May de 2024

A Xunta celebrará o acto conmemorativo do 8-M cos escolares premiados no certame de carteis convocado polo Día Internacional da Muller


― Quérese poñer en valor o compromiso da comunidade escolar coa igualdade nun encontro en Santiago de Compostela no que se fará entrega dos galardóns aos centros da Coruña, Arteixo, Vigo, Moaña, Guitiriz e O Carballiño, que resultaron premiados

― A Administración autonómica apoia xornadas divulgativas e actos conmemorativos durante toda a semana de asociacións, concellos, universidades e outras entidades

― Galicia está a desenvolver iniciativas pioneiras para reforzar o liderado directivo das mulleres e a eliminación de estereotipos entre as mozas

― O desenvolvemento da nova Lei da igualdade busca xerar espazos seguros libres de violencia, visibilizar as discriminacións múltiples e acabar coas actitudes machistas en todos os eidos da sociedade

A Xunta de Galicia celebrará o próximo venres, 8 de marzo, o acto institucional de conmemoración do Día Internacional da Muller, nun acto no que fará entrega dos premios da sétima edición do concurso de carteis escolares aos centros educativos da Coruña, Arteixo, Vigo, Moaña, Guitiriz e O Carballiño que resultaron galardoados.

Presentáronse ao certame un total de 124 propostas que destacaron pola súa calidade e por reflectir un compromiso claro coa igualdade.

No acto estarán presentes escolares e persoal docente dos centros premiados: do CEIP Seara (Moaña), Santo Estevo de Parga (Guitiriz), IES Manuel Chamoso Lamas (O Carballiño), CPR Agarimo (Arteixo), IES Plurilingüe Durmideiras (A Coruña) e CPR Plurilingüe Alba (Vigo).
Con este certame búscase incidir na importancia de concienciar sobre a igualdade de oportunidades desde idades temperás, a través da xeración de dinámicas escolares de intercambio de ideas e experiencias acerca das desigualdades que aínda perduran.

A entrega de premios do 8-M será o colofón dunha semana de actos nos que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a avogar pola visibilización dos dereitos das mulleres e dos avances acadados ata o momento.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade tomará parte na conmemoración do Día da Muller organizada pola Universidade de Santiago, que versará sobre Muller e saúde mental.
Na mesma liña, a Xunta participará nas xornadas previstas pola Asociación de Amas de Casa da Coruña para festexar esta data e no encontro sobre a igualdade no deporte promovido desde o Concello de Sanxenxo.

A Xunta colabora tamén na celebración do XVI Encontro da muller xorda de Galicia, que terá lugar o 9 de marzo na Deputación de Lugo, coincidindo con esta semana da muller.

Compromiso coa igualdade

Galicia é unha comunidade comprometida coa construción dunha sociedade xusta, inclusiva e igualitaria. A Xunta leva anos traballando pola promoción da igualdade con medidas lexislativas pioneiras contra a violencia de xénero, a favor dos dereitos das persoas LGTBI e das mulleres.
A comunidade conta cunha nova Lei de Igualdade que seguirá a desenvolver con medidas para erradicar actitudes machistas e de discriminacións en todos os eidos, para a defensa dos dereitos das mulleres e a visibilización da discriminación múltiple e para a promoción de espazos libres de violencia e de acoso sexual.

Na mesma liña, a Administración autonómica está a desenvolver iniciativas novidosas como o programa Lideramos que quere impulsar o talento e liderado feminino, a través da formación dun cento de mulleres das catro provincias no eido da dirección de equipos para rachar cos teitos de cristal. Tamén o programa Ti Elixes, que se está a levar aos colexios desde 2023, está a axudar a sensibilizar á mocidade de que elixir unha profesión non pode depender de cuestións de xénero.